O albergue de peregrinos do Carril, un moderno edificio levantado sobre a estrutura abandonada da ampliación da casa da cultura, comezará a funcionar antes do verán. Isto será posible despois de que o último trámite que restaba, a exposición pública do convenio entre Concello e Xunta, rematara sen ningún tipo de alegación. Deste xeito, o alcalde, Alberto Varela, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, asinarán o pacto nos vindeiros días, segundo se acordou coincidindo coa presenza de ambos na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur. |