O concello estudará unha segunda fórmula para a reforma integral de Veiga do Mar, que consistiría en habilitar unha soa beirarrúa e non dúas, como estaba no anteproxecto, o que, á súa vez, permitiría manter algunhas das prazas de aparcamento existentes hoxe. Esta foi unha das principais reivindicacións dos preto de cincuenta veciños e veciñas, ademais de políticos de todas as formacións, que participaron no encontro celebrado onte no centro sociocultural do Preguntoiro. Sobre o que si existe certo consenso é sobre a primeira fase, ao longo do muro da vella fábrica de Peña (hoxe Mejillones Ría de Arosa), que será recuado, e actuacións nas rúas Almirante Fontán e Sartaxes, que gañarán un parking disuasorio. Igualmente, houbo unanimidade en reclamar da Xunta que habilite a regulación semafórica no entronque de Veiga do Mar coa avenida de Vilanova. |