O Salón Nobre do Concello de Vilagarcía foi escenario este mediodía do recibimento que o alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro, Álvaro Carou, prestaron ás flamantes campioas da Copa Galicia de Pádel, as integrantes do equipo do club local Arousa Pádel. As xogadoras, que en novembro participarán no campionato de España que se celebrará en Barcelona, amosaron ao rexedor o trofeo que gañaron no enfrontamento entre equipos das Rías Baixas e das Rías Altas no que se proclamaron vencedoras, e comentáronlle a ilusión e as expectativas que manexan de cara á cita de outono no torneo de ámbito estatal. |